17 de outubro de 2017
Lume
Está lonxe a terra que arde. Pero non vou quedar sen palabras.
Claro que se pode xestionar mellor o monte. E claro que unha mellor política forestal podía ter evitado as catro mortes humanas destes últimos días. E seguro evitaría parte do empobrecemento ecolóxico que sofre Galicia. Pero para actuar mellor precisamos un Goberno que queira identificar, recoñecer e comunicar os feitos. As verdades.
E non. A historia dos gobernos de Galicia e de España desde 1978 é unha sucesión de mentiras.
OTAN, de entrada non.
Iraq ten armas de destrución masiva.
Non se pode falar de marea negra.
Son casos aillados de corrupción.
Apoiarei o Estatuto que aproben os cidadáns de Cataluña.
España entrou na Champions League da economía mundial.
Non fallaron os sistemas de seguridade.
A Policía e a Garda Civil actuaron con proporcionalidade.
Non houbo referendo.
Os lumes son culpa de terroristas incendiarios.
Con todo, as mentiras non se sosteñen se hai suficientes cidadáns procurando as verdades. A maioría dos cataláns xa dixeron prou ao Estado de Mentira. A andamiaxe construida chafalleiramente sobre fosas comúns franquistas esborállase no seu extremo oriental.
Ábrense incógnitas en Galicia e en España. Ou non? Algúns galegos imos perseverar na procura das verdades. Aínda que chova. Aínda que queime.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario