1 de maio de 2013

Até nunca, José Mourinho


Foto: Libertad Digital

Son Barcelonista, pero isto non ten nada que ver co barcelonismo. Ou si.

José Mourinho, a final desta tempada marcharás de España e iso será un alivio para todas as persoas dignas de considerarse como tales.

José Mourinho, poucas actitudes me provocan máis rexeitamento que unha inflamación purulenta de ego. Iso foches ti durante os teus anos no Real Madrid.

José Mourinho, ti, que sabes que como estrela mediática futbolística es un exemplo para toda a infancia, ti, foches a traición a por Tito Vilanova para clavarlle o teu dedo no seu ollo. Non foi un codazo no medio do quentón dunha discusión que se vos fose das mans, dous non pelexan se un non quere, etc. Non. Ti, José Mourinho, dixécheslle a todos os nenos madridistas: nenos, se tedes que ferir a alguén, a sangue fría e de xeito premeditado, para conseguir o voso obxectivo, facédeo. E despois, se acaso, dicide que non coñecedes de nada ao agredido. Ou dicide que as notas de Bárcenas son falsificadas. Iso tanto ten. O grafólogo que diga o que queira. O vídeo que diga o que queira. O libro de avarías do metro de Valencia xa o faremos desaparecer.

José Mourinho, provocaches que moitos amantes dos Barça-Madrid e dos Madrid-Barça desexásemos que nunca máis se enfrentasen estes dous equipos. Non por medo a que perdese o partido o Barcelona, non. Chegou un momento no que ter que presenciar o teu despregamento de mentiras, fanfarronadas, insinuacións victimistas, karankismos calculados, ter que verte na televisión era o último que queriamos.

José Mourinho, estabas convencido de que contra o Barcelona, que tiña esa aura de santidade, non sei se esaxerada, ti tiñas que opoñer o demo, o inferno. Canto peor, mellor. O defensa Pepe aleccionado por ti para rachar coas pernas de quen fose necesario. E fallaches. En moitos momentos semellaba que serías campión da Champions League despois de desprezar e burlarte de toda Europa. Por sorte non o conseguiches.

José Mourinho, esta non cha perdoo: desquiciaches a Josep Guardiola. Sei que ese era un dos teus obxectivos principais, machacar e humillar a Guardiola. Non podías tolerar que alguén gañara comportándose como unha persoa digna e educada. Guardiola non é Deus, pero na escala de dignidade das persoas sempre estivo 10 quilómetros por riba de ti, e sábelo. Guardiola posiblemente marchou porque non compartía a maneira de traballar de Sandro Rosell, pero seguro que tivo moito que ver tamén que te quería perder de vista. Cando Laporta (outro que non é Deus, pero esa é outra historia) deixou de responder ás túas bravuconadas, tocoulle a Guardiola responderche. E si: nas salas de prensa eras o puto amo. O puto amo ao nivel de Montoro falando de Gerard Depardieu, o puto amo ao nivel de Belén Esteban diciendo “mentiendes?”, ese outro puntal podre da estrutura da estulticia supina.

José Mourinho, ti foches até onte mesmo o lado deportivo da estafa económica, política e social na que estamos metidos. 

José Mourinho, teño que agradecerche unha cousa: cando cheguei a Madrid hai un ano non me sentín un estranxeiro por ser do Barça. Grazas a ti, puiden conversar con moitos madridistas e poñerte a caldo xuntos: barcelonistas e madridistas antimourinhistas, xuntos por unha boa causa.

José Mourinho, xa me despido. Só quero que saibas que es o tipo de persoa que agardo que nunca triunfe na vida. Agardo que máis pronto que tarde a sociedade racional, ética, agarimosa, te vaia deixando cada vez máis só.

José Mourinho, como dicía o meu profesor de academia (un madridista convencido e divertido, non coma ti): que leves tanta paz como descanso deixas.

1 comentario:

  1. Anónimo2:05 p.m.

    Moi bo. Concordo ao 100%.
    Perder a Llouriño de vista será unha boa nova para quen gosta do fútbol.
    Góstame este cheiro a "merengue chamuscado" que se respira hoxe na caverna mediática.

    ResponderEliminar