6 de febreiro de 2013

Con Julius Richard en La Esencia

O luns 28 de xaneiro puiden descubrir outro cachiño das microhistorias de Madrid. Jesús de la Vega (desculpade o case-autobombo) presentaba un cine-fórum sobre o cineasta Julius Richard e Val Del Omar, dous completos descoñecidos para min, en La Esencia, no corazón de Lavapiés, se a miña orientación non me engana.

Coa presencia do mesmo Julius, poidemos mirar tres "pezas" súas: "Engaña", "Mecanismos de proyección de mi patria verde" e "Mi patria verde". Tres vídeos desconcertantes e hipnóticos, especialmente para alguén que coma min non está moi introducido nas experimentacións visuais. Apostou forte o Julius comezando por "Engaña", o máis escuro de todos. Spoiler: unha luz branca móvese aleatoriamente a toda velocidade nun fondo totalmente negro. A luz faise cada vez máis grande e móvese cada vez un pouco máis lentamente, de xeito case imperceptible. É a boca dun túnel. Explicáronnos despois dende o público que se trataba do túnel de Engaña, 7 km de túnel abandonado, parte dun tolo proxecto franquista de unir Santander con València baixo terra. Gravado dende unha bicicleta facendo os 7 km a toda velocidade. Porén, se cadra o vídeo gusta máis sen esas aclaracións. A min suxeríame nun principio unha persecución, unha escapada coa Policía Branca respirándoche na caluga e o protagonista a correr pola súa vida.

O segundo vídeo, "Mecanismos de proyección de mi patria verde", gravado en parte no Valle del Pas, é para min unha reflexión sobre o escravismo. Non sei que será para o seu autor. Spoiler: arames que fechan prados, gravados ben de perto. Pías brancas esparexidas polos campos, con auga choca e ruídos fortes e distorsionados que me fan pensar en torturas. O máis duro: un coche abandonado e un can atado a el a facer círculos ao seu redor. Incansábel. Como eses peixes que non deixan de tentar tirar os muros da peixeira a base de bicos. Cara o final, ademais do can entolecido circular aparece unha pita camiñando en liña recta seguindo unha tea metálica. Non todos os animais son persoas, pero aquilo é un campo de concentración.

Remata a "triloxía" con "Mi Patria Verde". En branco e preto. O máis belo dos tres vídeos, se cadra o menos incisivo. Jesús de la Vega destaca no coloquio posterior tres mil referencias e homenaxes, sinalando entre elas o muro desfeito do final de "Mi Patria Verde": onde debería estar a porta desa parede entran as ondas do mar con forza, unhas veces cruzan a entrada, outras non. Calquera imaxe de ondas a bater é poética.

Embriagado de imaxes miro o reloxo e é moito hora de ir durmir. O cine-fórum segue nas próximas semanas. Non perdades a oportunidade de achegarvos a La Esencia, tomar unha cervexa e alimentar un pouco o vermiño cultural. Que mellor día que os luns.

(Anotación publicada tamén en Madrid Mon Amour, un blog de Praza Pública sobre Madrid)

1 comentario:

  1. Grazas polas túas amables referencias ó meu recentemente inaugurado labor como programador cinematográfico no teu interesantísimo artigo. Abrúmasme :O

    ResponderEliminar