22 de febreiro de 2013

Buñuel desencadenado




Outro luns en La Esencia. Esta vez Jesús de la Vega preséntanos un documental sobre a vida e a obra de Luis Buñuel e unha película súa: "Simón del Desierto".

Debo recoñecer que esta vez non sabía que esa era a proposta. A miña actitude é ir os luns coa mente aberta, a ver con que me sorprende Jesús. E debo recoñecer tamén que nunca vira nada de Buñuel. Era para min un deses centos de referentes culturais na lista de pendentes.

Aínda que chego un cuarto de hora tarde, parece que a reportaxe sobre Luis acaba de comezar. Gústame descubrir as súas conexións coa xeración do 98 e coa xeración do 27 e especialmente os rincóns madrileños onde coñece a outros artistais (escritores, pintores) fundamentais españois. Todo aquilo ao que eu durante a escola e o instituto non lle prestara a máis mínima atención. Aquelas profesoras de literatura española... en fin, esa é outra historia.

O documental en si é unha peza para observar con curiosidade. Creo que dos anos 70, co ritmo e o estilo da época, e cun Franco moi presente na ollada que deita sobre Buñuel. Buñuel, como tantos outros da súa quinta, estivo en París, Nova Iorque, México... o talento precisa tempo de maduración e exploración do planeta, semella. 

Tomamos unha cervexa ao remate do documental e logo comeza a película: "Simón del Desierto". Un xeito pouco común de comezar a explorar a obra de Buñuel, creo. Non o pensei naquel momento, pero agora vexo "La Vida de Brian" como unha extensión e retorsión de Simón del desierto. Spoiler: riba dunha columna no semideserto, Simón medita e evita todas as tentacións. Aos seus pés van desfilando e vanse autorretratando a Igrexa, un anano pastor e o demo transfigurado en muller. Simón resiste, resiste, resiste, resiste, até que acaba aerotransportado polo demo-muller, abandonando a súa columna. Última escena: guateque dos 70, deses que as fascinadas polo retro adoran. Longa secuencia de bailes contemporáneos. Recoñezo que me encanta a música que alí soa. Enfocan a mesa. Alí está sentado Simón, poderiamos ser ti ou eu, con ollos absortos. A muller-demo sae a bailar. Fin.

Seica é un filme inacabado. O bo de saber que estás ante un surrealista é que lle proporcionas un extra de permisos ao cineasta para que faga o que lle praza. Seica non estou ante a súa obra mestra, pero "Simón del Desierto" conseguiu que captara un chisco o estilo de Buñuel, e que teña moitas máis ganas de ver "Un Perro Andaluz" ou outros dos seus delirios.

Cinefórum presentado por Jesús de la Vega:
todos os luns ás 8 en La Esencia Bar.

15 de febreiro de 2013

O experimento Parroquia




Parroquia Atlántica é como se chama o experimento co que andamos a enredar Silvio Falcón, Pablo Casal, Alberte Montes, Xosé Manuel Fernández e máis eu dende hai algún tempo. Aínda non sei como se chama o que facemos. Os energúmenos above mentioned coñecímonos dunha maneira ou outra no Barcelona Atlàntica. Aquilo si que se podía definir facilmente: un programa de radio amateur en galego dende a diáspora. En Catalunya está moita da Galicia que podería ser, xa sabedes.

O Parroquia aínda está atopando o seu lugar e o seu xeito. Está verde e apenas asoma as orellas, pero ten ilusión. Poderiamos dicir que é un videopodcast en directo ou unha videoconferencia en streaming aberto. Todo expresións longas. Botamos a faltar a cervexa e o bocadillo que acompañaban sempre ao programa en Barcelona: o experimento Parroquia permítenos comprobar que internet aínda non substituiu a proximidade física. Por contra, permítenos emitir dende Bruxelas, Barcelona, Madrid e Monforte simultaneamente. Non está mal.

Escribo isto mentres escoito Ataque Escampe e apéname que sexa difícil tecnicamente combinar as nosas voces parroquiais coas sintonías atlánticas correspondentes. Pero hémolo conseguir máis cedo que tarde.

Optimista, penso que se todas aportamos o noso mínimo nó á rede de comunicación horizontal, amateur, nas nosas linguas respectivas, enriqueceremos a terra que pisamos e a que pensamos, e aumentaremos a biodiversidade.

É dicir, que te agardamos na Parroquia Atlántica sempre cos brazos abertos. E sabemos que hai mil enguedellos máis nos que embelecar. Xa que logo, fagamos rede para liberarnos.

Parroquia Atlántica: Web / Twitter / Facebook / Google+

Actualización 21.02.2013

A pesar da ilusión que mantiña neste experimento, parece que a árbore non prendeu. Cancelamos de momento o Parroquia Atlántica por problemas de axenda dos seus "podregonistas". Foi un pracer. Volveremos?

6 de febreiro de 2013

Con Julius Richard en La Esencia

O luns 28 de xaneiro puiden descubrir outro cachiño das microhistorias de Madrid. Jesús de la Vega (desculpade o case-autobombo) presentaba un cine-fórum sobre o cineasta Julius Richard e Val Del Omar, dous completos descoñecidos para min, en La Esencia, no corazón de Lavapiés, se a miña orientación non me engana.

Coa presencia do mesmo Julius, poidemos mirar tres "pezas" súas: "Engaña", "Mecanismos de proyección de mi patria verde" e "Mi patria verde". Tres vídeos desconcertantes e hipnóticos, especialmente para alguén que coma min non está moi introducido nas experimentacións visuais. Apostou forte o Julius comezando por "Engaña", o máis escuro de todos. Spoiler: unha luz branca móvese aleatoriamente a toda velocidade nun fondo totalmente negro. A luz faise cada vez máis grande e móvese cada vez un pouco máis lentamente, de xeito case imperceptible. É a boca dun túnel. Explicáronnos despois dende o público que se trataba do túnel de Engaña, 7 km de túnel abandonado, parte dun tolo proxecto franquista de unir Santander con València baixo terra. Gravado dende unha bicicleta facendo os 7 km a toda velocidade. Porén, se cadra o vídeo gusta máis sen esas aclaracións. A min suxeríame nun principio unha persecución, unha escapada coa Policía Branca respirándoche na caluga e o protagonista a correr pola súa vida.

O segundo vídeo, "Mecanismos de proyección de mi patria verde", gravado en parte no Valle del Pas, é para min unha reflexión sobre o escravismo. Non sei que será para o seu autor. Spoiler: arames que fechan prados, gravados ben de perto. Pías brancas esparexidas polos campos, con auga choca e ruídos fortes e distorsionados que me fan pensar en torturas. O máis duro: un coche abandonado e un can atado a el a facer círculos ao seu redor. Incansábel. Como eses peixes que non deixan de tentar tirar os muros da peixeira a base de bicos. Cara o final, ademais do can entolecido circular aparece unha pita camiñando en liña recta seguindo unha tea metálica. Non todos os animais son persoas, pero aquilo é un campo de concentración.

Remata a "triloxía" con "Mi Patria Verde". En branco e preto. O máis belo dos tres vídeos, se cadra o menos incisivo. Jesús de la Vega destaca no coloquio posterior tres mil referencias e homenaxes, sinalando entre elas o muro desfeito do final de "Mi Patria Verde": onde debería estar a porta desa parede entran as ondas do mar con forza, unhas veces cruzan a entrada, outras non. Calquera imaxe de ondas a bater é poética.

Embriagado de imaxes miro o reloxo e é moito hora de ir durmir. O cine-fórum segue nas próximas semanas. Non perdades a oportunidade de achegarvos a La Esencia, tomar unha cervexa e alimentar un pouco o vermiño cultural. Que mellor día que os luns.

(Anotación publicada tamén en Madrid Mon Amour, un blog de Praza Pública sobre Madrid)

5 de febreiro de 2013

Londres, inverno 12-13.


Londres. Un día a principios de xaneiro. Unha compañeira fala comigo en portugués mentres xantamos até que aparece un colega seu francés. Alí discuten sobre a tese recén presentada dunha e o traballo de máster a punto de presentar do outro. Marcha o rapaz. Case non me dá tempo a sentirme orgulloso de comprender toda a conversa en francés porque outro amigo dela, de Oman, saúdaa: "-Hey ya!".  "-Salam aleikum", contesta ela e seguen a conversa en inglés. Un chinés, un holandés, outro portugués, unha belga, unha alemá e un venezolano completan o círculo do Imperial College. E un director científicamente e persoalmente encantador. Na mesma cidade, un grande amigo da infancia luguesa. E V e eu a visitarnos. A estancia foi redonda, como comprenderedes. E non quería deixar esas sensacións no aire. Mellor pegadas ao papel, como un álbum de cromos sentimentais de Italia'90.