23 de agosto de 2012

Espírito colaborativo



Espírito colaborativo. Así lle chamaba unha persoa moi importante para min ao feito de ter iniciativa para colaborar nas tarefas da casa. A expresión, porén, quero utilizala hoxe noutro sentido, se cadra non tan diferente do orixinal.

A sociedade galega e a política galega precisan máis que nunca espírito colaborativo. É o momento de que as persoas nos unamos e traballemos cooperativamente por un país e un mundo máis xusto e democrático. Simplemente un mundo onde a inmensa maioría da poboación sexa máis feliz e todas as persoas teñan un xeito de vivir dignamente. Simplemente iso.

Para camiñar cara ese obxectivo atopamos dous retos principais:

1. Conseguir entre tod@s que a política e a economía actuais, orientada ao beneficio dunha centésima parte da poboación e perxudicial para o 99% restante, sexa percibida como tal pola maioría social.

2. Tecer entre tod@s unha rede de participación política en positivo, creativa e construtiva, que sexa quen de facerse maioritaria socialmente e como consecuencia, non como obxectivo, maioritaria electoralmente.

Podemos tod@s percibir que o primeiro dos dous retos está moi maduro. As carautas van caendo e o traballo de formigas d@s economistas crític@s, das persoas do 15-M, dos partidos que defenden os dereitos da maioría social, vai dando os seus froitos.

O segundo dos dous retos é o que aparece máis verde, máis duro, diante de nós. E resulta que a resolución ao segundo reto é tan sinxela como poñer os pés na terra e a mirada nos ollos da outra persoa.

Pés na terra: a formulación xeral política que a poboación galega sentirá atractiva e na que se animará a participar non é na actualidade unha alianza anticapitalista. Non quere unha alianza anti-nada, quere unha alianza por algo, por un obxectivo común. Quere construir un mundo mellor dunha bendita vez. Alianza por unha economía ao servizo das persoas, pola xustiza social e para erradicar a pobreza? Vale. Longo pero vale.

Ver o mundo cos ollos doutra persoa: os actos e palabras de desprezo cara outras sensibilidade políticas dentro do amplo abano da defensa do ben común teñen que rematar xa. O parado ten que ser capaz de poñerse na pel da pequena empresaria, a enxeñeira poñerse no papel do funcionario, a que non cre nas nacións ten que comprender ao independentista, e a comunista considerar un compañeiro de viaxe ao socialdemócrata real.

Se así o facemos, construiremos seguro unha alianza participativa e democrática que será valorada postivamente pola maioría da poboación galega e será capaz de mellorar as nosas vidas. Deste xeito, o máis difícil, construír un país e un mundo mellor, caerá como froita madura.

Reguemos ben a cooperación, que logo chega a primavera.

2 comentarios:

  1. Anónimo10:43 a.m.

    ¿y os que non son a sociedade galega?

    ResponderEliminar
  2. Tamén, tamén. Pero en poucos sitios hai tanto que avanzar en "espírito colaborativo" como en Galicia.

    ResponderEliminar