14 de marzo de 2012

Soño dunha noite bancaria


Soñei esta noite que un bo día as galegas se fartan do circo da nomenclatura bancaria e da impunidade duns poucos directivos a coller a mans cheas e apertadas os cartos de todos os cidadáns. Tanto se fartan os galegos que deciden darlle unha volta ao tambor das moedas e poñen varios conceptos do revés.

O fundamental: agora non son os bancos especuladores os que non dan crédito ás persoas. Son as persoas as que non dan crédito aos bancos especuladores. Escóitase ao fondo da xunta de accionistas de "NovaNonCaixaGalegaNovaGaliciaNCGEVO3,1416Bank" un berro profundamente revolucionario: "Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale!". É o sinal: nese momento comeza o goteo de aperturas de contas e depósitos na Caixa Rural Galega, en Triodos Bank, en Fiare. Pronto os bancos especuladores comprenden por fin o que é un dano colateral: perden clientes a esgalla.

Chegados a este punto, ábrese una bifurcación propia dos bos libros de aventuras. Se queres que os bancos especuladores reaccionen positivamente, pasa á páxina 34. Se pola contra cres que non reacciónarán a esta nova situación, pasa á páxina 56.

Páxina 34: O banco innombrábel ten aínda moitos cartos, pero perdeu todo o protagonismo na sociedade. Síntese como un reprodutor de vídeo VHS, esquecido debaixo dun aparello moito máis moderno e útil para a sociedade: a banca ética, a banca cooperativa. Tal é o panorama para o banco innombrábel que decide facer unha maniobra de alto risco: cambia o nome por enésima vez e pasa a chamarse Banco de Vidro. En Galiza e no estranxeiro hai certo desconcerto con este nome. O Banco de Vidro explica o seu proxecto: vai ser un banco totalmente transparente e cooperativo, que se vai amoldar á sociedade e vai optar sempre polo beneficio da maioría. Que outra cousa tería sentido? Fin.

Páxina 56: O banco innombrábel ve como os seus novos competidores, Caixa Rural Galega, Triodos Bank, Fiare, teñen a simpatía da maioría da poboación, e decide contraatacar co que mellor sabe facer: unha conta co 25% de interese + unha termomix premium advance plus! Entra unha xubilada co seu neto á oficina do banco innombrábel de Boimorto e o director recíbeos cun tenso e esperanzado sorriso. Fala o neto: "señor director, só vimos para dicirlle que teño memoria histórica, sabe o que iso significa?". E, sen máis, a avoa máis fachendosa do mundo e o seu neto marchan da oficina debatindo cal das tres opcións bancarias lle convén máis á sociedade: Caixa Rural Galega, Triodos Bank ou Fiare. A oficina de Boimorto do banco innombrábel fecha aquel mes. O banco innombrábel fecha o mes seguinte. Ao director do banco innombrábel aplícanlle o que se coñece naquela altura como "Lei Islandia". Fin

Foto: crinklecrankle (cc)

Ningún comentario:

Publicar un comentario